Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta concede 6 axudas para o fomento da silvicultura activa por máis de 142.000 euros para a comarca de Ferrolterra


A Consellería do Medio Rural vén de conceder outra axuda en materia de xestión forestal activa nos montes galegos por un importe de máis de 15.000 euros a unha particular no concello das Pontes de García Rodríguez

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a 6 beneficiarios da comarca de Ferrolterra por un importe de máis de 142.000 euros.
Neste senso, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal notificou electronicamente esta semana a concesión das axudas dirixidas a rareos e podas en masas de coníferas, así como tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Cómpre salientar que a concesión de axudas públicas en materia de silvicultura das masas de frondosas supón un salto cualitativo.
Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, Sofor e propietarios particulares de xeito individual. Ademais, a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización, toda vez que aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.
Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2021. Deste xeito, a Consellería adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas silvícolas.

Cabe lembrar que, segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.
O obxectivo desta axuda pública enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan a cerna dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.
Outras liñas de xestión forestal
Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por outros 15.000 euros, nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos que benefician a unha particular no concello das Pontes de García Rodríguez, que presentou o remate dos traballos neste ano 2020. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2019 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.